Wednesday 01 de May de 2024

A Coruña é a cidade galega que rexistra un maior descenso no número de parados durante o mes de decembro


O número de desempregados reduciuse en 2.038 persoas ao longo de 2014

O Concello valora de forma positiva os datos de paro do mes de decembro feitos públicos esta mañá, que poñen de relevo que A Coruña é a cidade galega no que se rexistrou un maior descenso no número de parados, ao contabilizarse 124 persoas menos que no mes de novembro, o que supón unha redución do 0,57%. Só outras dúas cidades galegas,Ourense e Ferrol, lograron baixar o paro en decembro de 2014, en 60 e 30 persoas, respectivamente.
Deste modo, ao longo de 2014, reduciuse o paro rexistrado na cidade un 8,59%, o que supón que hai 2.038 parados menos que en xaneiro de 2014. Con respecto aos datos interanuais, tamén se aprecia unha redución do 4,80%, xa que en decembro de 2014 se rexistraron 1.093 desempregados menos que no mesmo mes do ano anterior.
Esta tendencia, que se consolida mes a mes, vai paralela ao incremento das afiliacións á Seguridade Social xa que, a falta do dato de decembro, creceron en novembro un 1,03% con respecto a outubro, alcanzando as 126.461 afiliacións, número que non se lograba dende decembro de 2011.
Os datos evidencian que o Concello está a traballar na boa dirección e supoñen un respaldo ás políticas impulsadas polo Goberno municipal para seguir nesta liña con máis intensidade e máis ganas.
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, valorou os datos do paro e asegurou que a este 2015 lle pide máis traballo: “Pechamos 2014 con 2.038 parados menos que a principios de ano e o que pido é que neste ano 2015 continúe este ascenso de afiliacións á Seguridade Social e a redución no número de parados, porque o emprego é a demanda fundamental de todos os coruñeses e galegos,” afirmou.